Nos anos oitenta, cando a heroína golpeaba con forza, naceu Asfredo (Asociación Ferrolá de Drogodependencias), impulsada por Tito Pena. Nese contexto de emerxencia social, os Misioneiros Claretianos —propietarios do Convento de Baltar— decidiron ceder, a mediados de novembro de 1985, o edificio a Asfredo para instalar un espacio de reinserción de drogodependientes.
O convento, un antigo pazo reconvertido en casa relixiosa, atopábase daquela pouco habitado. O alugueiro proposto era simbólico. Porén, o anuncio provocou unha reacción inmediata e contundente do vecindario do Val, que deu lugar a un dos conflitos sociais máis intensos vividos na parroquia durante o final do século XX.
Un conflito de fondo: o sentido do convento
Para os veciños, o convento de Baltar non era un inmoble calquera nin un recurso dispoñible para calquera finalidade. Era un espazo sagrado e comunitario, ligado aos Claretianos, á vida parroquial e ás tradicións de Santa María a Maior do Val, pero tamén entendido como un ben que só podía destinarse a usos relixiosos ou directamente vinculados ao pobo.
A proposta de convertelo nun centro terapéutico externo —aínda que cunha finalidade social— foi interpretada como unha quebra do vínculo que durante décadas unira o convento ao Val e á súa veciñanza. Non se trataba unicamente de medo ou rexeitamento, argumento principal empregado na prensa por quen defendían o proxecto; estaba tamén realmente en xogo a función simbólica do lugar, o seu papel como referencia espiritual, cultural e comunitaria.
Dúas miradas irreconciliables
Desde ASFEDRO, Baltar reunía todas as condicións ideais para a rehabilitación: unha contorna rural, tranquila, afastada do núcleo urbano e propicia para procesos de reinserción. Tito Pena lembraría anos despois que a oposición se activou cando “dúas veciñas influíntes comezaron a facer campaña, asustando á xente….”, “…impediron os veciños… por ignorancia”.
Desde o vecindario, a lectura era moi distinta. O convento non podía converterse en algo alleo á vida do Val. A posibilidade de que persoas externas pasasen a ocupar de forma permanente un espazo considerado propio foi vivida como unha perda de control comunitario e á propia identidade parroquial.
Organización e resistencia veciñal
A resposta foi rápida e organizada. Houbo asembleas veciñais, recollidas de sinaturas e unha intensa presión social. Mais a mobilización foi máis alá do formal.
Os veciños construiron unha caseta improvisada, feita con madeiras e plástico, xunto ao convento, na zona alta do atrio. Alí pasaban horas e xornadas enteiras, xogando ás cartas e vixiando o convento.
A campá servía como sistema de aviso: cando se detectaba a chegada de persoas alleas ao vecindario ou movementos relacionados co proxecto, o toque reunía á xente, que acudía en masa.
Houbo momentos de tensión e enfrontamentos, agravados en ocasións pola actitude de quen actuaban coma se o destino do convento xa estivese decidido, comportándose —segundo lembran os veciños— como “donos e señores” de Baltar. Parte de esa prepotencia, histórica entre a cidade e os pobos, acabou por radicalizar a oposición dos veciños.
O papel institucional
O daquela alcalde de Narón, Xoán Gato, acabou tamén rexeitando o proxecto, alegando incompatibilidades urbanísticas e atendendo ás expectativas expresadas desde a parroquia. Esa decisión supuxo un respaldo á posición veciñal.
O desenlace
Finalmente, ASFEDRO desistiu do proxecto en Baltar. Tras intentos fallidos noutros puntos de Narón, a asociación acabaría establecéndose no Confurco (Doniños, Ferrol), onde co tempo desenvolveu un labor asistencial amplamente recoñecido.
O convento de Baltar, pola súa banda, recuperou o santuario e hospedería claretiana, vinculada de novo a retiros, campamentos e á vida relixiosa.
Ainda que se falou de incendios provocados na prensa, o edificio non sufriu secuelas físicas e conserva hoxe a súa arquitectura e a súa contorna natural.
Memoria e significado
A “batalla de Baltar” non foi unha loita contra persoas concretas nin contra unha causa social, senón a afirmación de que certos espazos —pola súa historia e polo seu significado— non poden desligarse da comunidade que lles dá sentido.
Fontes:
- Nuevos monjes para Baltar
- Boletín Oficial do Bispado de Mondoñedo-Ferrol, páxina 18
- Asfedro, la entidad que nadie quería en Ferrol
- “Teníamos dos lugares para el centro y lo impidieron los vecinos… por ignorancia…” Tito Pena.
Crónica baseada en fontes periodísticas e patrimoniais.


