Skip to main content

Na “Dulcería Campeiras” de O Val, situada na estrada de Valdoviño, erguíase unha singular torre feita con cáscaras de ovos. Era un “monumento” curioso que chamaba a atención dos veciños e de quen pasaba pola estrada, vendo como medraba co paso do tempo.

Poucos recordos son tan singulares como a torre de cáscaras de ovo de Campeiras. Durante case cuarenta anos, esta estrutura converteuse nun símbolo local, nunha curiosidade que fascinou xeracións enteiras e que mesmo chegou ás páxinas da prensa galega e nacional en varias ocasións.

Todo comezou cun problema ben simple, pero que daría pé a unha historia extraordinaria…

A Orixe: demostrar que non había trampas

Naqueles anos circulaba un rumor de que as bizcochadas de Campeiras non usaban os huevos que decían, e que usaba azafrán como colorante. Para acabar coa sospeita, o panadeiro Francisco Fraga Díaz tomou a decisión de acumular todas as cáscaras dos ovos que empregaba nas fornadas, para demostrar visual e publicamente que si usaba os ovos que dicía.

A partir de aí, a torre comenzou a medrar e ter visibilidade nos medios de comunicación.

A torre no 1971

A torre no 1971

A primeira foto, publicada na prensa en 1971, tan só 15 días de comenzar a depositar as “cascas” de ovo, mostra unha importante montaña de cáscaras de ovo xunto á casa e ao negocio familiar, e deixaba clara a enorme produción. Na imaxe, Conchi, a filla de Campeiras.

A torre en 1973

A torre en 1973

A historia volveu á prensa en 1973. A simple pirámide inicial transformárase nunha estrutura máis organizada, feita con postes e rede metálica, acadando xa arredor de tres metros de altura.

Os xornais chegaron a falar de 2 millóns de ovos utilizados e describiron o “montón” como unha verdadeira rareza do Val.

Mudanza pola ampliación da estrada

Co paso dos anos, a estrada de Valdoviño foi ampliada. A obra afectaba directamente á zona onde estaba a torre, polo que a familia decidiu trasladala máis preto do negocio, pegándoa ao edificio e reorganizando a estrutura para poder mantela en pé.

A torre sobreviviu e continuou medrando.

A torre en 1997

A torre en 1997. Foto de J. Mauriz e publicada en “Ferrol: dez anos de imaxes 1988-1998”, editado polo Club de Prensa de Ferrol.

A terceira das imaxes, tomada en 1997, mostra unha torre enorme. Jorge, o fillo de Francisco, o panadeiro,  aparece subido a unha escada, vertendo cáscaras desde arriba dentro dunha estrutura metálica alta e reforzada. Para daquela, a torre xa era unha especie de columna histórica, resultado de décadas de traballo continuo no forno.

A retirada definitiva

Despois de tantos anos, arredor de 2010, as autoridades sanitarias ordenaron retirar a torre xa que decían que contaminaba. Era o final dunha época e dun símbolo que acompañara a vida da parroquia durante catro décadas.

Hoxe só quedan estas fotografías e os recortes de prensa. Foi todo un exemplo de humor e sobre todo, de orgullo profesional.

Deixa un comentario