Houbo un tempo no que ao ir bailar á Concha podía tocarche un coche.
Durante algúns bailes organizábase un sorteo dun automóbil entre o público. O coche permanecía exposto na propia sala durante toda a noite, converténdose nun dos grandes atractivos da festa.
Chegado o momento do sorteo, a música detíñase e unha persoa era a encargada de facer xirar a ruleta cos números, sempre baixo a atenta mirada de un propietario da Concha e do notario, que daba fe de todo o proceso para garantir a súa total transparencia.
Cando a ruleta se detiña co número final, os aplausos e a emoción enchían a sala mentres se comprobaba a papeleta gañadora e e aparecía o afortunado. O premiado podía escoller entre levar o coche ou recibir o seu valor en diñeiro. E na maioría das ocasións preferíase o metálico. Para moitas familias daquela época, unha importante cantidade de diñeiro podía resultar moito máis útil ca estrear un automóbil.
As fotografías conservadas permiten ver ese instante: nalgúns casos o gañador recibe as chaves do vehículo e noutros aparece xa sostendo un feixe de billetes entregados diante do notario e dos responsables da sala.
Feita a entrega do premio, a orquestra retomaba o baile e a festa continuaba.
Así eran aquelas noites da Sala de fiestas La Concha, cando nun baile podías sair nun coche novo… ou cun peto cheo de billetes.
- Facendo xirar a ruleta dos números ante a mirada do notario e Dalmacio (atrás)
- Recibindo o premio
- Coas chaves do novo coche
- Dalmacio facendo entrega dos cartos por valor do coche co notario
- Dalmacio facendo entrega dos cartos por valor do coche
- Recibindo os cartos por valor do coche
- Recibindo os cartos por valor do coche






