Skip to main content

Onte, 11 de xaneiro, o proxecto O Val na Memoria chegou á televisión galega a través do programa Hora Galega FDS, nunha reportaxe moi especial emitida a modo de sorpresa para tres veciños do Val, en Narón.

A idea era sinxela e á vez profundamente emotiva: recuperar fotografías antigas da súa infancia e darlle movemento mediante intelixencia artificial, para amosarlles hoxe esas imaxes “revividas”, máis de medio século despois.

Os protagonistas desta experiencia foron Antonio Leirachá, Nieves de Regina e Pepe do Casal.

Imaxes seleccionadas

Imaxes seleccionadas

Coa axuda da intelixencia artificial, esas imaxes foron animadas, respectando os rostros, os xestos e o contexto da época.

“Non pensaba ver isto nunca na vida”

As reaccións falan por si soas. Antonio, ao verse de novo na escola con apenas seis ou sete anos, recoñeceu con sorpresa e alegría ese neno que fora. Para el, como dixo, xa era suficiente conservar a foto; ver agora ese recordo en movemento resultoulle “marabilloso”.

Nieves emocionouse ao recoñecer á súa familia nunha imaxe da infancia, lembrando persoas que xa non están.

Pepe, pola súa parte, explicou que apenas conservaba unha foto súa de cando era neno, e que recuperar ese recordo foi “unha marabilla”, “A mín isto encántame”.

Non eran só imaxes: por un intre recuperaban vida. Ver a reacción de Antonio, Nieves e Pepe confirma que o recordo, cando se comparte, segue vivo.

Recreación

Estas recreacións non substitúen a memoria real nin pretenden ser documentos históricos exactos. Son interpretacións visuais, creadas con moito respecto. E mentres haxa quen mire estas imaxes, O Val seguirá tendo memoria.

Quero agradecer ao equipo de Hora Galega a difusión do proxecto e, sobre todo, a atención magnífica de todo o equipo.

Podes ver aquí o programa completo (o vídeo aparece no minuto 00:47:20):

Ver o programa completo de Hora Galega FDS na Galega (TVG)

Deixa un comentario