Enterro do Marqués de San Sadurniño

Preme a imaxe para ampliar

En xullo de 1922, o Duque da Conquista, D. Francisco de Asis Arias-Dávila-Matheu y Bernaldo de Quirós chegou, moi enfermo, ao Pazo de San Sadurniño.

Na madrugada do 25 de xullo de 1922, día de Santiago, ás catro da mañá, faleceu no Pazo de San Sadurniño por encefalite, aos 66 anos.

As honras fúnebres tiveron lugar o 26 de xullo na Capela do Pazo de Baltar, cun enterro multitudinario.

A comarca enteira de San Sadurniño e as parroquias limítrofes desfilaron ante o cadáver, nun dos enterros máis multitudinarios que se lembran.Tanto na parroquia de San Sadurniño como na capela do pazo, onde estaba depositado o cadáver, dixéronse moitas misas.

A comitiva fúnebre estaba composta por 15 automóbiles e 3 camións, nos que viaxaban numerosos caseiros e colonos da casa dos duques.

Ao pasar polas distintas parroquias, desde San Sadurniño ata Baltar, numerosos campesiños e veciños saíron ás beiras dos camiños para render homenaxe.

Á chegada aos límites da parroquia do Val, o féretro foi recibido polo párroco don Celedonio Montero e os Misioneiros do Corazón de María, que oficiaron o traxecto final até Baltar.

Desde alí, o cortexo continuou a pé, cos estandartes das congregacións relixiosas abrindo o paso. O ataúde era levado a ombros polos servidores da casa ducal, mentres campesiños, criados e labregos camiñaban detrás en silencio.

Un adeus solemne, popular e profundamente sentido por toda a contorna.

Para a Marquesa Natividad Quindós, de 61 anos, a perda foi devastadora. No seu diario escribiu:

“El 25 de Julio día de Santiago se murió Asís! y desde ese día, un día largo… que he querido desde el momento que el Señor se lo llevó!… de separame totalmente del Mundo, dejar Palacio, y dedicarme a vivir todo para Dios!”

Recluíuse durante 15 meses e, o 11 de novembro de 1923, renunciou voluntariamente ao seu cargo como camarera mayor de la Reina madre, logo de 17 anos de servizo á Coroa.

Ao longo da súa vida, Francisco de Asís escudouse nun catolicismo ultraconservador para reforzar o seu poder e perpetuar os privilexios herdados. A súa suposta defensa dos valores relixiosos serviu, en realidade, como coartada para manter intacta a estrutura social que o beneficiaba. As súas accións revelan unha visión fondamente clasista e inmobilista do mundo rural:

  • O seu rexeitamento á electrificación de San Sadurniño, escudándose na frase “los campesinos no necesitan la luz eléctrica para nada”, evidencia o desprezo pola mellora das condicións de vida da poboación labrega.
  • A decisión de afastar a estación de tren tres quilómetros do pazo para “alejar los humos” mostra unha actitude elitista que priorizaba o seu confort persoal por riba do interese colectivo.
  • O intento de privatizar un camiño de uso público desde tempo inmemorial reflicte o seu desexo de apropiarse incluso do que pertencía á comunidade, sen importarlle o dereito nin a memoria colectiva.

 

Esquela do marqués

Esquela do marqués

Data exacta: 26 de Xullo de 1922 (Mércores)

Localización: Santuario de Baltar (Residencia de los PP. Misioneros do Corazón de María)

Contexto: Lugar→ Baltar

Notas

Fontes:
Crónica orixinal: El Correo Gallego, 1934
Falame de San Sadurniño: https://www.falamedesansadurnino.org/imaxe/morte-do-vii-marques-consorte-de-san-sadurnino/

Mapa

Prende unha vela

Na memoria dos que xa non están

Prendéronse 0 velas nesta foto.

Este xesto é unha maneira de lembrar a quen xa non está, sen importar as crenzas de cada quen. É un acto simbólico e espiritual, unha forma de manter viva a súa memoria. Non ten por que ser relixioso… pero pode selo, se así o sintes.

← Volver

Deixa un comentario