50 aniversario da S.D. O Val: O primeiro campo e os primeiros xogadores
Co obxectivo de disputar os seus encontros oficiais, o club contou cun primeiro terreo de xogo levantado en Sinde, sobre uns terreos resultantes da concentración parcelaria promovida polo antigo Instituto de Reforma e Desenvolvemento Agrario (IRYDA). Ao tratarse de solo de uso común, este espazo pasou posteriormente a ser de titularidade municipal.
A construción do campo foi posible, sobre todo, grazas ao esforzo colectivo dos veciños e veciñas da parroquia do Val, que colaboraron de maneira desinteresada con traballo, materiais e medios propios. A implicación da comunidade foi determinante para facer realidade unha infraestrutura deportiva que marcou o inicio do fútbol federado na parroquia.
Os primeiros xogadores que formaron parte do equipo procedían, na súa maioría, da coñecida como “liga pirata”, unha competición afeccionada que, malia ser infravalorada durante anos, foi unha extraordinaria canteira para numerosos clubs da comarca. Dela saíron futbolistas que posteriormente vestirían as camisolas de equipos como o Meirás, Mandiá, San Mateo, Valdoviño, Aspirantes e moitos outros.
Á fronte daquela primeira formación federada estivo Manuel Saavedra Santiago, quen exerceu como adestrador durante varias tempadas e foi unha figura clave na consolidación do proxecto deportivo do club, integrado maioritariamente por mozos da propia parroquia.
Na foto, escavación manual do pozo destinado ao abastecemento de auga dos vestiarios do campo de Sinde. Foi necesario alcanzar os 20 metros de profundidade para atopar auga. A obra levouse a cabo grazas á participación e ao traballo voluntario de numerosos veciños da parroquia.
Contexto: Fútbol, Lugar→ Sinde
Foto pertencente a: S.D. O VAL
Notas
Información histórica consultada na web oficial da S.D. O Val.
Mapa
Prende unha vela
Na memoria dos que xa non están
Este xesto é unha maneira de lembrar a quen xa non está, sen importar as crenzas de cada quen. É un acto simbólico e espiritual, unha forma de manter viva a súa memoria. Non ten por que ser relixioso… pero pode selo, se así o sintes.