Skip to main content

Seguro que máis dun tedes na casa o retrato dun familiar, dunha parella de avós ou bisavós… Eses retratos antigos que semellan estar pintados. Non falamos de cadros ao óleo, senón de fotografías ampliadas e retocadas a man, ás que se lles engadían detalles para mellorar ou mesmo transformar a imaxe orixinal.

En Galicia foron moi frecuentes durante boa parte do século XX, sobre todo en retratos de parella, familiares ou mesmo nas fotografías colocadas nas lápidas. Os talleres fotográficos traballaban a partir dunha pequena imaxe de referencia —ás veces borrosa ou deteriorada— e sobre esa base o artista aplicaba pintura ou carbón, definindo os trazos, engadindo cor ou inventando roupa formal, en moitos dos casos.

O resultado era unha peza solemne, destinada a colgar nun lugar destacado da casa ou a conservarse como símbolo de respecto e dignidade. Estes fotopintados cumprían así a función de preservar a memoria visual das familias e, en ocasións, de representar unha imaxe máis idealizada.

As dúas fotografías que se mostran aquí son un bo exemplo deste proceso: a primeira, borrosa e de mala calidade, serviu como base para realizar o retrato retocado, no que o protagonista aparece xa vestido cun traxe escuro, camisa branca e gravata. Unha mestura de memoria e invención que forma parte da nosa cultura visual.

Before imageAfter image

Por outra banda, os retratados non precisaban estar xuntos no momento da fotografía. Era habitual que o estudo traballase con imaxes separadas e logo as combinase nun único retrato, creando a ilusión dunha escena conxunta.
Un exemplo témolo aquí, do primeiro retrato sacaron o home e de esta foto sacaron a muller:
Foto familiar de onde sacaron o retrato da muller

Deixa un comentario