A Lenda da Pena Lopesa
Dende a Senda Ártaba, camiñando por detrás da Pena Molexa, ou mirando á esqueda dende a praia de Campelo, no mar de Narón, erguese a Pena Lopesa.
É un illote donde contan os máis vellos do lugar, que nela, hai moitísimo tempo, vivían os mouros* e outra lenda, ou a mesma, que fala de un rei. Hai van ambalas dúas:
A lenda do rei da Pena Lopesa
Contan as vellas voces que, noutro tempo, no tempo dos mouros, esta illa albergou un castelo, a morada dun rei.
Este castelo gardaba un enorme tesouro, e o monarca, ante o medo a ser atacado polo seu tesouro, mandou construír unha ponte oculta que unía a illa coa terra firme, permitíndolle sair de caza polos montes de Vilarquinte.
Ainda así, a súa prosperidade e poder espertaron a envexa dos reis veciños que, movidos pola cobiza, decidiron asedialo e apoderarse da súa fabulosa riqueza.
O castelo da Pena Lopesa, non era un lugar facilmente conquistable, as súas murallas, as rochas e o mar embravecido, facían de escudo para calquera exército. Así, tramaron un plan, apresalo fora do castelo, en algunha das xornadas de caza do rei.
Para dar con el, enviaron guerreiros para rastrexalo seguindo as pegadas do seu cabalo. Pero o rei da Pena Lopesa, con moita astucia, calzou o seu cabalo con ferraduras postas do revés. Deste xeito, as pegadas do animal indicaban unha dirección oposta á real, confundindo por completo aos seus perseguidores.
Unha noite, absorto na súa xornada, o rei entretívose demasiado, e cando regresou ao seu castelo xa clarexaba. Os vixiantes dos inimigos saíron na súa busca, pero a astucia do monarca e a velocidade do seu corcel impediron que o alcanzasen.
Mais un día, aqueles reis, cansados de perseguilo sin éxito, reuniron un gran exército e acamparon no monte, fronte á Pena Lopesa, decididos a cercalo e apoderarse do seu tesouro coa esperanza de rendelo pola fame.
Permanceron alí, obstinados, durante sete longos anos de asedio. As provisións do rei, por abondosas que fosen, comezaron a esgotarse. Cando só lle quedaba o derradeiro valde de trigo, o astuto rei ideou un plan final. Subiu á parte mais alta do castelo e comezou a botar aos paxaros o pouco trigo que lle quedaba.
Os sitiadores, ao velo, quedaron abraiados. Non podían crer que, tras sete anos de cerco, o rei tivese aínda tal abundancia. Pensaron que o monarca posuía comida a fartar para moitos anos máis, unha despensa inesgotable. Desesperanzados e convencidos da inutilidade do seu esforzo, levantaron o cerco e marcharon, deixando en paz ao enxeñoso rei e o seu tesouro.
A Lenda dos mouros da Pena Lopesa
Din que alí, na Pena Lopesa, vivían os mouros. E se un se fixa ben, aínda hoxe aparecen tellas vellas e anacos de pratos no chan, testemuñas desa xente que estivo alí.
Pero o máis curioso desta historia era como os mouros, os que estaban dentro da Pena Lopesa, conseguían despistar aos que viñan de fóra e os querían atrapar. Cando eles xa estaban dentro, ben a salvo na Pena, poñíanlles as ferraduras aos cabalos ao revés. Así, as pegadas indicaban que estaban saíndo cara fóra, cando en realidade xa estaban a resgardo.
E cando os mouros saían da Pena Lopesa para os seus quefaceres, poñíanlles as ferraduras aos cabalos ao dereito, coma calquera. Isto facía pensar aos de fóra que estaban regresando á Pena, cando o que facían era afastarse dela. Por iso, os de fóra, por moito que o intentaron, nunca foron capaces de coller aos de dentro.
Cando os de fóra, por fin, se deron conta de que non había nada que facer, que non había forma de entrar nin de collelos, entón a Lopesa quedou tranquila.
Época representada: No tempo dos mouros
Lugar inspirado: Pena Lopesa
Tipo de escena: Lenda / mito
Técnica ou ferramenta empregada: IA, Fotomontaxe
Fonte / inspiración: O Nobelo do tempo en Narón (Concello de Narón), https://oarqueologodenaron.wordpress.com, https://xenealoxia.org
Nivel de documentación: Media
⚠️ Recreación artística – non documento histórico


