A Moura da Pena Molexa

Unha recreación artística da moura peiteando o seu longo cabelo con peine de ouro na Pena Molexa, rodeada de tesouros e a galiña e pitos de ouro, nunha máxica noite estrelada de San Xoan.

A Lenda

“Contan que nalgunhas madrugadas de San Xoán, na hora misteriosa en que a lúa aínda non se puxo e o sol xa vai querendo saír, pódese encontrar na Pena Molexa, peiteando os longos e fermosos cabelos, unha belísima Moura que mostra ao abraiado mortal que a contempla un enxoval marabilloso: olas e xerros cheos a rebordar de moedas e xoias, colares e diademas e brazais, peites e tesoiras, armas e adobíos de antigos guerreiros, e até unha galiña cos seus sete pitinhos, todo de resplandecente ouro.

A Moura convídao a admirar con detemento cada unha das pezas que compoñen o enxoval e logo pídelle que escolla entre todo canto ve aquilo que pense do seu gusto. Engaiolado e dubidoso ante tales riquezas, o coitado acaba sinalando algunha das xoias que se ofrecen á súa vista; ás veces a que encontra máis feitichiña; case sempre a que lle parece de maior peso e valor. Entón escoítase á Moura lamentarse e chorar, recriminándolle a súa cobiza.

A aparición esvaécese nun espello de luz que se prolonga na claridade nacente do día. O cobizoso ve tornarse-lle negro carbón nas mans a alfaia que apreixara con tanto devezo.

E é que a Moura espera en vano desde o fondal do tempo que un home, con máis corazón que ansia de ouro no peito, a desencante elixíndoa a ela como o máis fermoso e máis desexable dos regalos. Entón, redimida do feitizo, marchará co seu liberador, levando consigo todo o tesouro.

Ata o de agora ningún dos que viran á Moura a preferiron ao ouro. De modo que alá debe seguir enfeitizada, esperando unha mañá propicia de San Xoán para mostrarse de novo na Pena Molexa.”

Before imageAfter image

Época representada: Idade Media / Época tradicional das lendas galegas (medieval e pre-medieval imaxinada)

Lugar inspirado: A Pena Molexa, no Val

Tipo de escena: Lenda / mito

Técnica ou ferramenta empregada: IA

Fonte / inspiración: Lenda tradicional sobre a moura e os seus tesouros da Pena Molexa do solsticio de verán na noite de San Xoan. Documentación oral e iconografía histórica da mitoloxía galaica e mesmo celta.

Nivel de documentación: Media

⚠️ Recreación artística da Lenda

← Volver a recreacións