A restauración das imaxes e altares da igrexa do Val en 1927

O 23 de febreiro de 1927, o xornal El Ideal Gallego daba conta das importantes melloras que se estaban a realizar no interior da igrexa parroquial de Santa María a Maior do Val.

A noticia sinalaba que, por iniciativa do párroco don José García Novo, había xa algún tempo que un artista traballaba no templo para “retocar todas las imágenes y altares”. Xunto a estes labores, tamén se renovaban os enlucidos interiores e exteriores da igrexa, coa intención de manter o edificio nas debidas condicións.

A intervención non foi un feito illado. O Libro de Culto e Fábrica da parroquia recolle, en 1926, un pago de corenta pesetas por “restaurar y pintar la imagen de la patrona y sacras”. Todo apunta a que este apunte e a noticia publicada ao ano seguinte forman parte dunha mesma campaña de mellora e conservación, desenvolvida entre 1926 e 1927.

A patroa da parroquia, a Virxe das Neves, é unha talla de madeira policromada, de 150 centímetros de altura, catalogada pola historiadora Josefina Sánchez Cons coa data de 1882, estilo ecléctico e autor descoñecido. A imaxe represéntase sobre un trono de nubes e anxos, coroada, con cetro na man dereita e o Neno Xesús no brazo esquerdo.

A súa historia documental coñecida remóntase precisamente a 1882, cando o mestre pintor ferrolán José Reyes cobrou 160 reais por retocar e dar encarnación á Virxe e ao Neno Xesús. Ese mesmo ano, o inventario parroquial recollía a imaxe da patroa como unha talla de tamaño mediano e en bo estado. A documentación parroquial confirma unha nova restauración e pintura en 1926, no contexto da campaña de melloras que a prensa describiu en febreiro de 1927.

Non sabemos con precisión en que consistiu aquel traballo nin quen foi o artista encargado. Mais, segundo as prácticas habituais da época, o retoque incluía probablemente a recuperación da policromía, das carnacións do rostro e das mans, así como a renovación de cores, dourados e elementos deteriorados nas imaxes e nos altares.

O retablo maior

Estas intervencións afectaban a un templo cuxo aspecto principal xa estaba definido desde finais do século XIX. O actual retablo maior da igrexa fora realizado en 1898 por Enrique Rodríguez, tallista de Conces, en Santa María de Neda.

Trátase dun conxunto de madeira policromada, de estilo historicista clasicista, composto por tres corpos unidos e adaptados á cabeceira semicircular do templo. No centro preside a Virxe das Neves, situada sobre o sagrario; aos lados están o Sagrado Corazón de Xesús e o Inmaculado Corazón de María. Nos corpos laterais aparecen o Neno Xesús e San Antonio de Padua, mentres que no ático se sitúa a Inmaculada Concepción.

O retablo actual substituíu outros máis antigos: a documentación indica que xa existía un retablo maior antes de 1742, pintado ese ano e novamente en 1781. O de 1898, xunto coas sucesivas intervencións de conservación, forma parte da longa historia de coidado e renovación da igrexa do Val.

Restauracións da Virxe das Neves en distintos períodos.

Data Fonte Información
1882 Libro de Fábrica O mestre pintor ferrolán José Reyes retoca e dá encarnación á Virxe das Neves e ao Neno Xesús.
4 de xuño de 1882 Inventario parroquial A patroa figura como unha imaxe de tamaño mediano e en bo estado.
1926 Libro de Culto e Fábrica Anótase un pago por “restaurar e pintar a imaxe da patroa e as sacras”.
23 de febreiro de 1927 El Ideal Gallego, ano XI, n.º 2825 Infórmase de que o párroco don José García Novo tiña destinado desde había un tempo un artista para “retocar todas as imaxes e altares” de Santa María a Maior do Val. Tamén se renovaban os enlucidos interiores e exteriores do templo.

Época representada: Febreiro de 1927

Lugar inspirado: Santa maría, A Maior do Val

Tipo de escena: Ritual ou espiritualidade

Técnica ou ferramenta empregada: IA

Fonte / inspiración: El Ideal Gallego, 23 de febreiro de 1927; Libro de Culto e Fábrica de Santa María a Maior do Val; Josefina Sánchez Cons, El arte religioso en el Arciprestazgo de Xuvia, 2014.

Nivel de documentación: Alta

⚠️ A imaxe é unha recreación artística – non documento histórico

← Volver a recreacións

Deixa un comentario